Relato curto:
O xurado integrado por Carlos Míguez Macho, Susana
Rodríguez Rodríguez e Servando Lois Silva, acorda por unanimidade outorgar un
accésit no III Concurso literario Mª
Vitoria Taboada de Relato Curto
ao relato A voz de RUBÉN CAMPELO CAMARERO, “por, á parte de estar ben
articulado literariamente, usar axeitadamente as figuras da linguaxe, debuxando
con acerto imaxes que abalan entre o onírico e a realidade”.
Rubén Campelo Camarero
A voz
Daniel espertou sobresaltado cando o único que se
escoitaba na noite era a choiva petando nos cristais. Mirou ao seu arredor,
adormecido, intentando lembrar o que acontecera no seu pesadelo. Cando
conseguiu abrir os ollos, deuse conta de que, por debaixo da porta, entraba
unha feble luz. Odiaba pasar as noites só naquela casa na que ruídos e gotas se
acumulaban. Incorporouse lentamente para descubrir de onde proviña aquela luz
que se filtraba temerosa na súa habitación. Abrindo a porta, pronto localizou a
súa procedencia, a luz da cociña estaba prendida e deuse de conta de que xa non
se escoitaba o son da choiva, só as queixas do vello chan de madeira a cada
paso que daba. Volvendo á habitación, cun peso insoportable nas súas pálpebras,
deitouse na cama e volveu durmir.
Cando espertou de novo, non sabería dicir se pasaran
horas, minutos, ou escasos segundos. O que si que sabía era que escoitara o seu
nome, unha voz feminina acabábao de chamar. Daniel comezou a pensar que iso era
imposible, que estaba só na casa, intentando convencerse de que todo fora un
soño, pero nese mesmo instante volveuno escoitar, un rumor, case inaudible, que
o volvía dicir, volvía dicir o seu nome. Todo intento de que seguía sendo un
soño esvaeceuse e acendeu a luz vendo que todo estaba en orde.
Pegou as súa costas á parede o máximo que puido,
intentando atopar a seguridade que precisaba naquel momento. De novo volveuno
escoitar, o seu nome, esta vez dende máis cerca, imaxinando quen estaría detrás
daquela voz melodiosa, case anxelical que o atraía coma se fose un imán.
Daniel, sumido nos seus pensamentos, esqueceu o perigo que podía levar a
presenza daquela voz na súa casa, iso era algo que para el xa non tiña
importancia. Desexaba coñecer a dona daquela voz que facía que se perdera no
máis profundo dos seus pensamentos.
Agora xa detrás da porta volveu soar, a voz volveu dicir
o seu nome, invitándoo a que a acompañara, e tras isto abriuse a porta, moi
amodo, deixando que pouco a pouco a luz da habitación enchese todo o corredor.
Daniel, con sentimentos moi contraditorios, viu como se abría a porta, e como,
tras ela, aparecía esa figura que tanto desexaba coñecer e que agora o invitaba
a irse con ela, repetíndolle que a seguira.
Daniel cando viu aquela figura, volveu pensar que aínda
estaba soñando, porque era a muller máis bonita que vira nunca. Tiña o cabelo
negro como unha noite de lúa nova, que percorrendo a súa cara resaltaba a súa
pel branca. Os seus brillantes ollos eran azuis, dun azul tan profundo coma os
océanos, uns ollos nos que afogabas antes de somerxerte neles. A súa boca tan
desexable coma unha gota de auga no deserto. Así foi Daniel percorrendo o seu
corpo coa mirada pouco a pouco, dándose conta de que un soño non podía ser tan
perfecto como a muller que estaba mirando, escoitando a súa voz, que o volvía invitar a seguila.
Daniel non tivo tempo para pensalo, e cando se deu conta
estaba baixando as escaleiras que daban á rúa. Non podía parar de pensar
naqueles ollos que o levaban a outro mundo, ou para el, probablemente ao ceo.
Aquela voz falándolle mentres pisaban os charcos que deixara a choiva aquela
noite e que agora dera paso a unha néboa espesa, na que Daniel só buscaba
achegarse a aquela figura que o sacara da casa a altas horas da noite, noite tan
escura coma os cabelos da rapaza.
Daniel deambulou unha eternidade que lle pareceu efémera
perseguindo aquela voz, que cada vez o envolvía máis e máis, como a néboa que o
rodeaba. Finalmente a voz calou, e entón Daniel deuse conta de onde estaba.
Unha pequena lagoa en medio de ningures onde unha rapaza de doce
anos morrera afogada cando el aínda era novo. Era un sitio tenebroso,
descoidada dende había moitos anos, pero que co sorriso daquela muller se
convertía no lugar máis bonito do universo.
De novo soou aquela voz, que xa non escoitaba, senón que
sentía na súa cabeza, sabendo que xa non podía liberarse dela, pero el sabía
que non quería liberarse. Entón a muller saltou e Daniel seguiuna, co único
desexo de non separarse dela xamais, e así Daniel afogou nos ollos da rapaza,
que aínda despois de morto o facían sentir vivo.Parabéns, Rubén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario